Nintendo prepara a produción da súa futura consola de videoxogos

xoves, 2 de xullo do 2015 Marcus Fernández

A compañía xaponesa Nintendo anunciou hai uns meses que xa estaba a traballar nunha nova plataforma de xogos, a Nintendo NX, da que non deron detalles na pasada edición do E3, e tampouco se prevé que dean información en breve, xa que este tipo de lanzamentos tenden a estar moi controlados a nivel de comunicación e promoción, e espérase que Nintendo non queira repetir a desfeita da Wii U, consola que confundiu enormemente ao público (que de xeito xeral pensaba que se trataba dun accesorio da anterior Wii).
Pero dende o sector da fabricación comeza o ruxerruxe sobre a nova consola, e coméntase que están en contacto con provedores de compoñentes para iniciar a produción piloto da futuro consola en outubro, recaendo a produción en Foxconn Electronics, aínda que Pegatron Technology tamén estaría a loitar para facerse coa fabricación da nova máquina.
De ir todo como é de prever, a Nintendo NX estaría finalizada en febreiro-marzo de 2016 para iniciar a súa produción e maio-xuño e así poder lanzarse oficialmente a redor do mes de xullo, segundo publican en Digitimes, onde detalla que a compañía nipoa persegue vender 20 millóns de consolas no seu primeiro ano, o que contrasta amplamente cos 2 millóns de unidades de Wii U que esperan vender en 2015. Temos así que Nintendo, pese a que comezou a apostar polos dispositivos móbiles, considera que ao sector das consolas de videoxogos aínda lle queda moita vida.

PUBLICIDADE