Nacho Ortiz abandona MeriStation tras 20 anos

martes, 28 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Unha das principais publicacións dixitais sobre videoxogos en España, MeriStation, fundada por Pep Sánchez en 1997 e que tras xuntar forzas co Grupo PRISA en 2002 tivo que afrontar pola forza a súa absorción polo xigante da comunicación en 2011 (adoptando un ano despois o seu deseño actual con bastantes incidencias), parece que vai experimentar grandes cambios que levarían a que o seu histórico editor en xefe, Nacho Ortiz, anuncie que abandona o barco tras 20 anos.
Deste xeito Ortiz deixa o medio do que era a cabeza visible tras dúas décadas nunha posición de responsabilidade, despedíndose a través dun vídeo no que que dá conta de boa parte do seu traballo en todo este tempo. Neste tempo Nacho Ortiz acudiu a 16 edicións da feira E3, 9 Tokyo Game Show, 2 Blizzcon... participou en 10 tempadas de podcast, en máis dun par de centos de vídeos, elaborou innumerables análises de xogos, reportaxes e novas e, en definitiva, deixou detrás unha enorme produción de contidos sobre o mundo dos videoxogos que moitos seareiros do sector agradecerán, aínda que o xeito de despedirse esperte certo temor polos cambios que poida vivir MeriStation nos vindeiros meses.

Vídeo de despedida de Nacho Ortiz

PUBLICIDADE