Movistar renova as súas tarifas móbiles

mércores, 15 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro sábado entran en vigor as novas tarifas móbiles de Movistar, nunha renovación na que varias das tarifas mudan de nome, aínda que o máis rechamante é o incremento do volume de datos incluídos nestes contratos, que multiplicaríase por 4.
Co cambio de tarifas desaparecería a que antes era a tarifa Vive 13, de xeito que entre as tarifas máis económicas só quedaría a Vive 15, con chamadas a 0 céntimos/minuto e 2 GB de datos por 15 euros/mes, ou sexa, que practicamente quedaría como está, pero pasando a chamarse tarifa #2.
A tarifa #6 collería o relevo á Vive 26, que por 26 euros/mes inclúe 200 minutos en chamadas e pasaría de 1,5 a 6 GB de datos; a tarifa #10 substituiría á Vive 34, e por 34 euros/mes incluiría voz e mensaxes ilimitados e pasaría de 2,5 a 10 GB; e finalmente a tarifa #20, que tomaría o lugar da Vive 45, tamén achegaría por 45 euros/mes voz e mensaxes de texto sen límite, resultando especialmente rechamante que pase de 5 a 20 GB de datos, cantidade sorprendente para un dos grandes operadores de telefónica móbil (xa que normalmente os contratos con grandes volumes de datos correspondían a operadores virtuais). Esta última tarifa é especialmente interesante por incluír o servizo multi SIM sen custo adicional.
O cambio das vellas ás novas tarifas será automático, de xeito que os usuarios de Movistar beneficiaranse da mellora do seu plan de datos, aínda que os que posiblemente non estarán tan contentos serán os usuarios da tarifa Vive 13, que verán incrementada a súa tarifa en 2 euros/mes, aínda que coa vantaxe de pasar de 1 a 2 GB de datos (algo que enténdese que non lles resulta atractivo, pois antes podían optar pola tarifa Vive 15 de xeito voluntario).

PUBLICIDADE