Movistar quere facer máis social a súa televisión

luns, 22 de febreiro do 2016 Redacción

Telefónica presentou no Mobile World Congress de Barcelona unha iniciativa pioneira e única no mundo da televisión para integrar na súa proposta de vídeo a compoñente social e a interactividade. TV Social, como se denomina a solución, permite ao usuario interactuar con outras persoas directamente na pantalla do seu televisor.
Na demostración, que se pode ver en Barcelona, Telefónica incorporou a innovadora solución ao seu servizo de televisión en España, Movistar+, para amosar en diferentes contidos as vantaxes da interactividade entre diferentes usuarios á vez que están a ver un contido televisivo.
Coa Televisión Social de Telefónica en Movistar+ o usuario poderá comentar, debater ou falar con amigos ou contactos en calquera programa en directo mediante un sistema de multiconferencia e chat simultáneo. Todo iso supón un paso máis na interactividade da Televisión cun proxecto de innovación que propón ao cliente moito máis que chiar en directo un programa de televisión co móbil.
Os requirimentos técnicos da TV Social son mínimos: unha cámara integrada con micrófono, para gozalo na televisión, ou unha tablet ou smartphone que permitirán esta interactividade con todos os contidos dispoñibles en Movistar+ desde un partido de fútbol, de tenis, unha serie ou un faladoiro de cinema, entre outros moitos.
A conversación social, no formato que decida o usuario (formato texto ou chat ou voz e imaxe a través de videoconferencia), aparecerá na pantalla de televisión en tempo real á vez que o contido da televisión que se está emitindo.
A TV Social é un paso máis na diferenciación que Telefónica quere levar á súa proposta de Televisión en todos os mercados nos que opera, apoiado na última tecnoloxía e nos mellores contidos.

PUBLICIDADE