Movistar pechou 2022 con 145 municipios de Galicia con cobertura 5G de 700 MHz
luns, 30 de xaneiro do 2023
Movistar
fixo balance do logrado en 2022 en materia de cobertura 5G para os
concellos galegos. Segundo explicaron fontes da operadora, a
empresa de telecomunicacións foi quen de pechar o ano con 145
municipios de Galicia dispoñendo da dita tecnoloxía móbil na banda
de 700 MHz. O obxectivo da compañía foi (e será) “dotar de
ultras banda larga (fibra e/ou 5G) a todo o territorio nos dous
próximos anos”. Por provincias, A Coruña conta xa con 54
municipios con este tipo de cobertura, seguida de Pontevedra, con 35,
Lugo con 28 e Ourense con 28.
Movistar,
acerca das vantaxes e implicacións desta cobertura, lembra que a
banda de 700 MHz, tamén chamada banda baixa, ten “unha maior
penetración en interiores e universaliza algunhas das
características das comunicacións 5G, como é a baixa latencia”.
E engade: “É o complemento para a banda de 3,5 Ghz na que tamén
opera Movistar, idónea para servizos que precisan de moi alta
velocidade de transmisión, aínda que o seu alcance é menor e
atravesa peor os obstáculos, como as paredes dos edificios, algo que
si posibilita o sinal na banda de 700 MHz”.
Telefónica
completou recentemente o seu espectro 5G coa adquisición de 5
bloques de 200 MHz na banda de 2,6 Ghz por un importe total de 20
millóns de euros, sendo a maior adxudicataria no proceso de
licitación.
Tal
e como destaca Javier Gutiérrez, director de Estratexia e
Desenvolvemento da Rede de Telefónica España, “o 2022 foi o ano
no que demos un impulso moi importante ao despregadura da 5G tanto na
banda de 700 MHz, onde cumprimos o fito de ter o 30% dos municipios
de máis de 20.000 habitantes perfectamente cubertos, como na banda
de 3,5GHz na que tamén fixemos un gran esforzo que seguirá en 2023,
xa que esta banda é fundamental para dar aos clientes altas
prestacións 5G”
Fontes
de Movistar engadiron que o despregamento da 5G nas zonas rurais (por
baixo de 10.000 habitantes) “estará condicionado á
dispoñibilidade das axudas públicas provenientes dos fondos Next
Generation para este fin”.