MosaLingua lanza no mercado estatal aplicacións de balde para aprender seis linguas europeas

mércores, 10 de decembro do 2014 Redacción

A empresa MosaLingua, start-up europea centrada no desenvolvemento de ferramentas para aprender linguas en dispositivos móbiles, vén de lanzar no mercado estatal versións de balde (LITE) para facilitar aínda máis o devandito: meternos na pel dunha persoa que fale un idioma diferente ao noso ou cuxo coñecemento debamos perfeccionar. MosaLingua parte dunha base a ter en conta: os seus recursos xa foron descargados por máis de 600.000 persoas en todo o mundo. A través das ferramentas de seu, a empresa pon á nosa disposición no noso teléfono intelixente ou tableta “un adestrador persoal para aprendermos linguas de xeito rápido e efectivo, fornecendo motivación a través dun sistema de bonificación”. Hai versións para Android e iOS.
Segundo fan saber os responsábeis da empresa, “as aplicacións de MosaLingua diferéncianse polo seu sistema científico baseado en diferentes conceptos da ciencia cognitiva e psicolóxica, que garante a aprendizaxe rápida e efectivo do inglés, portugués, francés, italiano e alemán”. Ademais, engade a start-up, nos recursos de Mosa “non hai conceptos innecesarios ou regras de gramática que poidan bloquear aos estudantes, especialmente ao principio; de feito, o contido foi seleccionado con coidado para aquelas persoas que queiran aprender un idioma de xeito rápido”. Ao fío disto, sinalar que se inclúen máis de 3.200 cartóns de aprendizaxe gravadas por nativos e organizadas en 14 categorías principais e 10 niveis de dificultade.
Por outra banda, lembrar que ademais de todo o vocabulario que inclúe cada unha das aplicacións, o usuario pode engadir novas palabras e frases beneficiándose do efectivo sistema de memorización da aplicación. “Desta forma, a aplicación adáptase aínda máis ás necesidades do usuario e convértese nun aliado perfecto para aprender un idioma”, explican os responsábeis da iniciativa.
Como dixemos, a ferramenta xa está dispoñíbel (versión de balde de demostración) na App Store de Apple e máis en Google Play. Os idiomas que se poden aprender son: inglés, inglés de negocios, francés, portugués, alemán, italiano e español. Os prezos das aplicacións completas van dos 4,49 euros (iOS) aos 4,99 euros (Android), e estes prezos inclúen as diversas actualizacións que levan a cabo para melloralas.

PUBLICIDADE