Microsoft quere que os ordenadores inclúan un botón de Copilot

xoves, 4 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Ao igual que no pasado os teclados dos equipos informáticos incorporaron unha tecla de Windows como atallo para certas funcións, Microsoft quere agora que os futuros ordenadores que se vendan con Windows 11 conten no seu teclado cunha tecla de Copilot para realizar accións a través do asistente de intelixencia artificial que pretenden que sexa unha peza clave na informática do futuro.
Microsoft lembra que nos últimos meses promoveron o uso de Copilot en Bing, en Microsoft 365 e incluso en Windows 11, mentres que fabricantes como AMD, Intel e Qualcomm preparan innovacións para tirar proveito da IA na vindeira xeración de equipos informáticos, polo que parece un momento axeitado para potenciar esteas experiencias dun xeito tan visible como unha nova tecla que previsiblemente veremos en moitos dos ordenadores que a semana que vén se presentarán no CES de Las Vegas, de xeito que na primavera comezaremos a ver ordenadores nas tendas co novo botón, entre os que estarán novos modelos de equipos Surface de Microsoft.

PUBLICIDADE