Microsoft descontinúa o seu lector de HD DVD para Xbox 360

luns, 25 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

Tralo abandono do formato HD DVD por parte dos estudos cinematográficos, os establecementos comerciais e mesmo por Toshiba, era só cuestión de tempo que Microsoft anunciase que seguiría o mesmo camiño, e por fin é oficial que o lector de HD DVD externo para Xbox 360 deixa de fabricarse, e mesmo se está a vender de saldo, o que non parece que vaia a axudar a desfacerse das unidades en stock, pois a ningún consumidor parece interesarlle mercar un dispositivo obsoleto que non contará con películas nos vindeiros meses.
Este anuncio non debería afectar ós bos resultados da plataforma de videoxogos de Microsoft, pois o éxito da Xbox 360 está baseado en xogos coma Halo 3, e non na posibilidade de ver películas de alta definición dende a mesma. Amais, os seus usuarios continuarán a poder gozar de películas en alta definición e series de televisión mediante descargas e tarxetas de memoria, o que por outra banda tamén resulta moi atractivo para os usuarios.
Dende Microsoft non descartan lanzar no futuro unha unidade externa de Blu-ray para a Xbox 360.

PUBLICIDADE