Microsoft comeza a vender discos duros de 250 Gb para a Xbox 360

mércores, 24 de marzo do 2010 Marcus Fernández

Para ter un prezo competitivo moitas consolas Xbox 360 vendéronse sen disco duro ou cun disco duro de só 20 Gb, o que resulta suficiente simplemente para almacenar contidos descargables dos últimos xogos e datos dos xogadores, pero coa proliferación de contidos en descarga, que van dende películas ata xogos de Xbox 360 completos, apareceu a necesidade dun disco duro maior, polo que Microsoft comezou a vender unidades soltas de 250 Gb a un prezo de 129,99 dólares nos EE.UU. e que tamén están dispoñibles noutros países (descoñecéndose polo momento a data na que chegarán a comercializarse en España).
Pese a que hai rumores da posibilidade de empregar discos externos tradicionais para ampliar a capacidade de almacenamento da Xbox 360 a través dunha actualización do seu Dashboard que sairía en primavera, a posibilidade de adquirir un disco duro oficial de grande tamaño responde a unha demanda do público, e de seguro que o agradecerán os usuarios que descarguen moitos contidos ou incluso os que queiran instalar os seus xogos no disco para axilizar a súa carga.

PUBLICIDADE