Microsoft abre as reservas de Surface e Windows 8 Pro

martes, 16 de outubro do 2012 Marcus Fernández

Tras moitos rumores que apuntaban a que Microsoft ía rachar o mercado cos seus tablets Surface grazas a un prezo agresivo, chegaron informacións que alertaban de presións de socios da compañía de Redmond para que non axustaran os prezos para deixarlles marxe para competir co produtos coa marca de Microsoft, e finalmente parece que esta segunda postura é a que se impuxo, e ao abrirse hoxe a reserva do Surface con Windows RT nos EE.UU. os prezos resultan un tanto decepcionantes por estar máis preto dos prezos do iPad que dos rumores que apuntaban aos 199 ou 299 dólares.
O Surface con Windows RT e a versión doméstica de Office, procesador nVIDIA Tegra, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno, pantalla táctil de 10,6 polgadas, un grosor de 9,3 milímetros e un peso de 676 gramos terá un prezo de 499 dólares e, de incluír a atractiva cuberta-teclado para o trebello o prezo incrementaríase en 100 dólares, o que tamén acontece se pasamos ao modelo con 64 Gb de almacenamento interno, ou sexa, que o Surface con Windows RT máis caro custaría 699 dólares, o que parece bastante elevado para un dispositivo que non pode aproveitar o potencial completo de Windows 8, como si fan outros equipos con prezos semellantes como o Ultra Touch Windows 8 de Samsung que tamén se presentou nas últimas horas.
Dende The Wall Street Journal aseguran que Microsoft pretende vender vender un importante volume de equipos Surface nos vindeiros meses, e incluso tería ordenado a produción de entre 3 e 5 millóns de unidades para o último trimestre do ano.


Anuncio televisivo do Surface de Microsoft

Desvélanse os prezos do Windows 8 Pro


Pero o Surface non é o único produto de Microsoft que publicou hoxe o seu prezo, senón que tamén se abriron as reservas do Windows 8 Pro, que terá como prezo ordinario 59,99 euros, recibíndose con gastos de envío de balde de encargarse antes do 24 de outubro, aínda que moitos optarán por agardar ao 26 de outubro para merar o sistema operativo como descarga por 29,99 euros.
Por 59,99 euros tamén é posible solicitar xa o Windows 8 Pro Pack, que permite actualizar o Windows 8 Pro con prestacións profesionais como cifrado de datos con BitLocker, máis seguridade con SmartScreen, conexión a redes corporativas con DirectAccess e a licenza de Windows Media Center (que converte o PC nun sistema de lecer capaz de reproducir e gravar da televisión en alta definición, de contarmos co hardware preciso, reproducir DVD e CD, reproducir presentacións fotográficas e contidos de televisión por Internet.

PUBLICIDADE