MediaXpress ampliará o seu videoclub en liña cun servizo de descargas

martes, 21 de novembro do 2006 Marcus Fernández

O SIMO serviu a Techfoundries para presentar a innovación que achegarán ó seu videoclub a través da Rede (que actualmente remite por correo ós seus clientes películas en DVD) un servizo de descargas legais de películas e outros contidos videográficos que pasará a chamarse MediaXpress Digital, polo que os seus clientes poderán elixir así se continúan coa súa modalidade de aluguer de discos físicos (que superou os 15.000 subscritores) ou prefiren a descarga de contidos en varias modalidades: Download to Own (descarga en propiedade), Video on Demand (descarga en aluguer) e Download to Burn (descarga con dereito a copia física en soporte DVD).
MediaXpress Digital contará con máis dun milleiro de obras no seu catálogo para o seu lanzamento antes de rematar o presente mes, e esta primeira visión está orientada especificamente a ordenadores empregados coma Media Center (ou sexa, conectados ó televisor do salón) e durante 2007 lanzarán unha versión adaptada para móbiles.
O novo servizo potenciarase grazas a acordos pechados con compañías coma HP, Investrónica, Acer, Diode ou Siemens-InOut TV, que incluirán nos seus equipos invitacións a MediaXpress Digital que incluirán descargas de balde para que os usuarios poidan probar o sistema que dá unha calidade semellante á do DVD, pero partindo de descargas da Rede.

PUBLICIDADE