Media Markt celebra o Black Friday</Em> en España

xoves, 22 de novembro do 2012 Marcus Fernández

A cadea de tendas Media Markt sorprende hoxe por achegar a España unha campaña especial de descontos que habitualmente limítase aos EE.UU. (aínda que compañías como Apple aplican a promoción a nivel mundial) para celebrar o que se entende como o comezo da campaña de Nadal, fixado no día seguinte a Acción de Grazas, o chamado Venres Negro (Black Friday).
No caso de Media Markt, a promoción coñecida como Black Friday Sale repártese entre os días 22 e 26 de novembro como unha oportunidade de adiantar as compras de Nadal e conta con máis 45 referencias de oferta en electrónica de consumo e numerosas películas e series de televisión en formato DVD e Blu-ray a metade de prezo.
Como exemplos da promoción en Blu-ray temos os 4 filmes de Indiana Jones por 26 euros e as 6 películas da saga de Star Wars por 40 euros (ou a 20 euros cadansúa da triloxía), mentres que en DVD podemos adquirir a colección de películas de James Bond que celebra o seu 50 aniversario por 43 euros e series de televisión completas como Smallvile ou Galáctica por menos de 50 euros.
En electrónica de consumo as promoción parte dunha memoria USB Transcend Jetflash 300 de 4 Gb a 3,50 euros ata dispositivos máis consistentes como un televisor LED de Samsung cunha pantalla de 46 polgadas por 499 euros, pasando por unha consola portátil Nintendo 3DS por só 149 euros e promocións coas que habería que ter certo tino, como o iPod Touch de 8 Gb a 149 euros (pois estariamos ante un modelo de 4ª xeración, ou sexa, un dispositivo descatalogado).
É de agardar que durante a xornada de mañá algunhas tendas tamén lancen ofertas puntuais aproveitando promocións internacionais de compañías norteamericanas, o que notarase especialmente en tendas que venden produtos de Apple, de xeito que un ano máis o Black Friday é unha boa data para realizar adquisicións tecnolóxicas.

Media Markt celebra por primeira vez o Black Friday en España

ACTUALIZACIÓN: Como era de prever, a FNAC anuncia que durante a xornada de mañá aplicará aos seus socios un 21% de desconto (16% de desconto directo e 5% de desconto habitual), aínda que en libros e produtos de Apple a promoción queda nun 10% de desconto (5% directo e 5% indirecto).

PUBLICIDADE