Media Markt asumirá a garantía dos produtos adquiridos en PC City A Coruña

luns, 4 de xullo do 2011 Marcus Fernández

O peche da cadea de tendas PC City en España coincidindo coa inauguración dun establecemento da compañía en Marineda City (A Coruña) deixou a moitos consumidores coa dúbida do que pasaría con todos os produtos adquiridos durante os últimos meses no caso de avaría, por non quedar claro cómo as tendas do grupo británico Dixons Retail atenderían as súas obrigas legais contraídas cos seus clientes, e hoxe a cadea Media Markt remitiu aos seus clientes un anuncio no que aseguran que «Media Markt A Coruña farase cargo da garantía legal de todas aquelas marcas e produtos de catálogo de referencias de Media Markt A Coruña, adquiridos en PC City A Coruña durante o prazo de vixencia da garantía. Para elos será preciso presentar o ticket ou factura da compra do produto onde conste a súa data de adquisición».
O Media Markt de A Coruña (establecemento inaugurado hai menos de 2 anos) está no Centro Comercial Dolce Vita, relativamente preto da última tenda de PC City na cidade herculina, polo que o acordo achegado entre ambas cadeas supón unha importante vantaxe para os consumidores que foran clientes da tenda que vén de pechar as súas portas.

PUBLICIDADE