Marvel’s Spider-Man 2 sae á venda

venres, 20 de outubro do 2023 Marcus Fernández

O xogo Marvel’s Spider-Man de Insomniac Games tivo un grande éxito, dando pé a unha especie de expansión que comercializouse por separado, na que o protagonista era Miles Morales en vez de Peter Parker, e ao chegar a secuela, Marvel’s Spider-Man 2, tivemos a consolidación das anteriores liñas narrativas, de xeito que agora son os dous heroes os que teñen que enfrontarse a Venom, Kraven o Cazador, o Lagarto ou o Home de Area en consolas PlayStation 5.
A nova entrega das aventuras dos trepamuros mellora a calidade dos seus gráficos, presenta animacións máis áxiles e incluso conta con son envolvente, aproveitando as posibilidades da consola de Sony. Tamén destaca o feito de que os distintos protagonistas presentan cambios nas súas habilidades, pois Miles Morales conta con poderes bioeléctricos dos que carece Peter Parker, mentres que este último poderá utilizar o simbionte en boa parte do xogo.
Marvel’s Spider-Man 2 chega ás tendas a prezo completo, ou sexa, a preto de 80 euros (aos que habería que sumar outros 10 euros de querer contar con contidos adicionais), o que tamén está a provocar críticas de moitos xogadores, que consideran que ofrece poucas horas de diversión (no contorno de 20) para un investimento tan elevado. En calquera caso, falamos dun xogo cunha puntuación en Metacritic de 91 sobre 100, polo que non hai dúbidas en que é un dos títulos máis relevantes do ano.

PUBLICIDADE