Marvel’s Avengers despídese cun 90% de desconto

luns, 18 de setembro do 2023 Marcus Fernández

O xogo do Vingadores feito por Crystal Dynamics converteuse nunha grande decepción ao adoptar un formato orientado á subscrición, ou sexa, que en vez de percibirse como un título divertido no que rememorar as aventuras dos heroes da Marvel percibíase como un sacacartos, polo que un videoxogo destinado a ter un grande impacto converteuse nun dos máis sonoros fracasos do seu estudio, que a primeiros de ano anunciou que deixarían de engadirlle contido o pasado 31 de marzo, aínda que para compensar pola situación os contidos do xogo pasarían a estar dispoñibles de balde.
A data de peche definitivo do xogo está fixada no vindeiro día 30, cando Marvel’s Avengers desaparecerá das tendas dixitais, e como unha oportunidade para que o público poida gozar deste título que, pese a decepcionar, poida achegar moitas horas de lecer, decidiron saldalo, polo que durante os vindeiros días poderá adquirirse por 3,99 euros en Steam (PC) ou por 4,99 euros na PlayStation Store (PS4 e PS5).
Cómpre lembrar que aínda que o xogo non se poida mercar a partir do mes que vén, os usuarios que o teñan mercado poderán continuar a descargalo e reinstalalo sen problemas, gozando de todos os seus contidos por un prezo que poderiamos considerar simbólico.

PUBLICIDADE