Marvel’s Avengers anuncia a súa despedida
luns, 23 de xaneiro do 2023
O
anuncio dun xogo dos Vingadores por parte de Crystal Dynamics captara moito
interese por parte dos xogadores, pero unha vez que veu a luz Marvel’s Avengers converteuse nunha
grandísima decepción, non por ser un título mal desenvolvido, senón por adoptar
un formato de xogo como servizo (recibindo contido periodicamente), o que rematou
véndose como un sacacartos que rapidamente perdeu o favor do público até
o punto de prexudicar a outros títulos como Marvel’s Guardians of the Galaxy,
que non conseguiu o seu merecido recoñecemento até meses despois do seu
lanzamento, cando quedou claro que ofrecía unha experiencia completa e coidada.
Aínda que Marvel’s Avengers tiña previsto ser un xogo a moi longo prazo,
non conseguiu callar, polo que Crystal
Dynamics decidiu anunciar a súa actualización definitiva, que chegará o 31
de marzo, tras a que o xogo non recibirá contidos adicionais, rematando o
soporte do xogo o 30 de setembro. O remate do desenvolvemento tamén suporá a
desactivación da tenda de elementos cosméticos e, en previsión desa
circunstancia, a partir do 31 de marzo non será posible adquirir máis créditos
para o xogo, e os créditos que aínda posúan os usuarios converteranse en
recursos dentro do xogo.
Como cortesía cara aos usuarios que aínda seguían fieis ao xogo, a partir do 31
de marzo as indumentarias, as tarxetas de desafío e outros elementos cosméticos
dispoñibles na tenda do xogo pasarán a estar dispoñibles de balde para todos os
xogadores.
Crystal Dynamics aseguran que tras o 30 de setembro continuará a ser posible
gozar do xogo en solitario e tamén no seu modo multixogador (sen detallar cando
deixará de operar este último). O que non poderá facerse a partir do 30 de
setembro é adquirir o xogo en formato descargable.