MEGA-Stream.me facilita a reprodución vía web de vídeos almacenados en MEGA

luns, 22 de xullo do 2013 Marcus Fernández

Unha das grandes vantaxes que para moitos tiña o seu día o servizo Megaupload era a existencia de Megavideo, plataforma que permitía a reprodución de vídeos en liña sen precisar da súa descarga previa para comezar a reproducilos, e agora que MEGA colleu o relevo do desaparecido Megaupload, xorde de xeito non oficial MEGA-Stream.me, unha páxina web que funciona en combinación co engadido do reprodutor multimedia VLC para os navegadores Firefox e Chrome facilitando o streaming de vídeo dende MEGA, o que podemos comprobar, por exemplo, co documental TPB AFK do que xa temos falado.
Este novo servizo aínda está en probas, e os vídeos só poden verse de xeito secuencial (non é posible adiantar ou retroceder no vídeo, aínda que a pausa si funciona) e, aínda que o seu uso aínda non é masivo, o feito de que as buscas a través de MEGA-Search.me faciliten ligazóns a MEGA-Stream.me podería facer moi popular este novo xeito de ver vídeo a través da web.
Polo momento os responsables de MEGA non se manifestaron sobre MEGA-Stream, polo que resulta difícil prever se consentirán o streaming de vídeo a longo prazo ou tomarán algunha medida preventiva ante posibles denuncias como as que padeceron cando operaban Megaupload.

PUBLICIDADE