LG prepara a produción de novos paneis flexibles de papel electrónico

venres, 27 de agosto do 2010 Marcus Fernández

LG Display leva anos traballando na súa tecnoloxía de papel electrónico flexible e segundo unhas solicitudes presentadas pola compañía, estarían a piques de iniciar a produción de paneis deste tipo en 2 formatos: un de 9,7 polgadas en cor e outro de 19 polgadas monocromo.
O panel de 9,7 polgadas en cor podería integrarse en numerosos dispositivos, pero o de 19 polgadas resulta moito máis rechamante, pois sería bastante atinado para trasladar contidos de soportes tradicionais coma os xornais, aínda que non podemos esquecer que esta tecnoloxía non funciona de xeito autónomo, polo que os seus usos finais dependerán da súa integración final.
A principal vantaxe deste tipo de paneis sería a súa flexibilidade, polo que o lóxico sería a súa aplicación en dispositivos móbiles, aínda que tamén terían certo sentido para paneis curvos ou con formas diversas, de xeito que o papel electrónico podería empregarse con finalidades distintas da lectura de texto, coma poderían ser paneis informativos en locais públicos ou incluso en vehículos.

PUBLICIDADE