ITG presenta en Expodrónica unha revolucionaria unidade móbil para operacións con drons

luns, 25 de setembro do 2023 S. P.

O Instituto Tecnolóxico de Galicia presentou este 25 de setembro na feira Expodrónica, que se celebra até o xoves 28 no IFEMA de Madrid, a que sería, en palabras do ITG, a unidade móbil exclusiva para operacións con vehículos aéreos non tripulados “máis completa e avanzada de España”. O ITG deu a coñecer o seu enxeño no marco da Airspace Integration Wee. A unidade Drone Operations Control Advance Unit (DOC) de ITG permite despregar todo tipo de operacións con vehículos en calquera localización, aínda en áreas sen cobertura. De feito, explica o centro tecnolóxico galego, “podería crear unha rede de comunicacións propia, de forma rápida e eficiente, destacando a xestión e monitoraxe do tráfico de sistemas aéreos non tripulados (U-space) no espazo aéreo próximo”.
Así, este centro de operacións móbil para drons deseñado por ITG, conta co equipamento necesario para levar a cabo operacións en remoto, facilitando todo tipo de actuacións con sistemas aéreos non tripulados ao ofrecer “unha gran flexibilidade e capacidade de adaptación ás diferentes contornas reais e conceptos de operación a validar”, explica o instituto engadindo, que se trata dun vehículo de 6x2,8m adaptado como centro de operacións e oficina móbil que contén os sistemas necesarios para unha despregadura rápida.
En palabras de Analía López Fidalgo, directora da División de Sistemas Aéreos Non Tripulados de ITG, “a nosa unidade móbil permite dar mellor soporte tanto aos nosos clientes como ás nosas actividades de investigación e experimentación, coa despregadura de probas de campo moito máis rápidas e eficaces como as que levamos a cabo en Estremadura, Andalucía, Cataluña ou Madrid”.
O centro tecnolóxico galego sinala que o porto de operacións avanzado é “un vehículo singular e diferencial que dispón do equipamento tecnolóxico necesario para o control e operación de drons en diferentes contextos e escenarios, equipamento no que se inclúen sistemas de control de terra de UAS, equipos de radiocomunicacións, equipos informáticos, sistemas de vídeo-vixilancia, equipos multimedia e monitoraxe meteorolóxica en tempo real”.
Ademais, o ITG explica que o deseño interior e as instalacións permiten a aplicación ou incorporación de novo equipamento tecnolóxico que poida ser necesario no futuro. En concreto, a unidade móbil de operacións con drons de ITG dispón un sistema de enerxía autónomo que posibilita o uso de todos os sistemas aproximadamente durante unha xornada de traballo sen necesidade de conexión á rede de subministro eléctrico.
Tamén conta con sistema de comunicacións 5G, radiocomunicacións, sistema audiovisual e unha estación meteorolóxica. No seu interior destaca a estación de control de terra (GCS) formada por dous postos de operación (voo e misión), un posto de taller (asistencia técnica), ademais dun posto adicional para a xestión dos sistemas audiovisuais (con capacidade de gravación, edición, produción, realización e emisión de vídeo en directo). Ademais, dispón dun espazo de carga.

PUBLICIDADE