High Tech Auto de Galicia lanza dende Vigo a súa cuarta convocatoria

martes, 14 de xuño do 2022 S. P.

A sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo acolleu este martes 14 de xuño o acto de lanzamento da cuarta edición da incubadora de alta tecnoloxía High Tech Auto, destinada a captar proxectos de emprendemento no ámbito da automoción e a súa transformación intelixente, eficiente e sustentábel. O período para presentar candidaturas estará aberto até o 21 de setembro.
Asistiron ao acto deste martes o delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades; o alcalde de Vigo e presidente do Consorcio, Abel Caballero; o vicepresidente e conselleiro de Economía, Industria e Innovación da Xunta, Francisco Conde; así como o presidente da Fundación CEAGA, Roberto Cavallo; e a directora de Proxectos FEDER da Fundación INCYDE, Natalia Vázquez.
David Regades destacou que “en Zona Franca temos moita experiencia e coñecemento, porque levamos unha década pondo en marcha incubadoras e aceleradoras con datos que falan por si sós: 1.350 proxectos acelerados e uns 1.500 empregos creados”. O delegado do Estado salientou tamén os datos da incubadora HTA, que en tres edicións xa apoiou a 54 emprendedores e impulsou a constitución de 14 empresas e 8 prototipos. Engadiu que a intención da Zona Franca é converter Vigo en protagonista do automóbil do futuro.
Abel Caballero, explicou que “a incubadora High Tech Auto sitúanos como polo de innovación no sector da automoción. Vigo destaca polo seu carácter emprendedor e tamén pola formación da súa Universidade”. Engadiu que “é difícil atopar unha cidade coa cultura de emprendemento como ten Vigo”.
Pola súa banda, Francisco Conde, Conde, enxalzou a colaboración entre o Consorcio Zona Franca de Vigo, a Fundación INCYDE e a Xunta de Galicia, e apuntou que este programa “contribúe á competitividade do sector da automoción a través da transferencia de tecnoloxía a toda a cadea de valor”. Tamén apuntou que esta incubadora forma parte do ecosistema de innovación que rodea o sector galego da automoción, e remarcou a necesidade de apostar por este sistema porque, segundo incidiu, “é o que dá valor engadido a esta industria e o seu gran aval”.
O acto de lanzamento da cuarta edición da HTA contou coa experiencia de dous proxectos incubados: Rita Carou, de Navia 3D e Javier Miralles, de Siscar-Connect.
A incubadora abriu este martes as portas dos seus programas e servizos a estudantes, emprendedores, spin-outs, spin-offs e/ou start-ups, nacionais e internacionais, que teñan un proxecto no sector de automoción e loxística.
O período de convocatoria está aberto desde o 14 de xuño até o 21 de setembro de 2022, aceptándose só as inscricións realizadas mediante o formulario online dispoñíbel na súa web oficial www.htauto.gal. Tras o período de convocatoria, seleccionaranse o dez proxectos que formarán parte da cuarta edición da High Tech Auto.

PUBLICIDADE