HP podería integrar webOS nas súas impresoras

mércores, 19 de maio do 2010 Marcus Fernández

Coa adquisición de Palm por parte de HP agardabamos ver cedo unha renovación da estratexia en produtos coma os smartphones ou o tablet coñecido coma HP Slate, e durante a presentación dos resultados económicos da compañía o seu máximo responsable, Mark Hurd, confirmou que van levar o sistema operativo desenvolvido por Palm, o webOS, a distintos tipos de dispositivos «incluíndo tablets e impresoras conectadas á web», de xeito que nos vindeiros meses poderiamos ver impresoras con pantalla táctil para controlar as súas funcións máis avanzadas, o que sería unha interesante proposta da compañía.
¿De qué podería servir introducir webOS en impresoras? Pois aparte de para controlar as funcións habituais, substituír aos distintos botóns e poder facer uso das mesmas coma fotocopiadoras avanzadas, incluso podería aproveitarse para realizar directamente a impresión de contidos na Internet, coma páxinas web, fotografías en servizos en liña e documentos en rede. Unha serie de posibilidades para o que normalmente as impresoras precisarían estar conectadas a un PC, de xeito que gañarían en liberdade e versatilidade, especialmente en contornos empresariais.

PUBLICIDADE