Gradiant convírtese nun referente en materia de I+D+i
luns, 7 de febreiro do 2011
O Centro Tecnolóxico
Gradiant, considerado xa coma o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de
Galicia e punto de referencia para as empresas e Universidades do noso país, vén
de presentar os resultados do ano 2010 en materia de I+D+i, un eido no que centra
os seus maiores esforzos e no que colabora dende hai uns anos coa Xunta de
Galicia.
O conselleiro
de Economía e Industria, Javier Guerra, que participou na presentación de
resultados do ano 2010 de Gradiant como presidente do patronato e Consellería
de Economía e Industria, calificou ao Centro Gradiant como un “cómplice” da estratexia da Xunta no
cambio de paradigma que o novo Plan de Investigación, Innovación e Cremento, vai
instaurar no Sistema Galego de I+D+i para “profundizar
na conexión entre os centros de coñecemento e as empresas e para xerar riqueza
económica da man de investigación e da innovación”.
A estratexia
seguida por Gradiant baséase en apostar pola posta en valor do coñecemento
xerado pola I+D+i como única vía para crear emprego cualificado estable, e como
motor para estimular o crecemento económico e social de Galicia, algo que
espertou o interese da Xunta e que levou á entidade pública a solicitar a súa
colaboración para impulsar a consolidación do seu capital científico e tecnolóxico.
Guerra definiu
Gradiant como unha “combinación do mellor
do mundo universitario e do mundo empresarial nun clima de innovación aberta,
no que prima a colaboración coa empresa para incrementar a súa participación en
proxectos a nivel nacional e europeo”, o que fai deste centro, engadiu, “un exemplo dos obxectivos que persegue o novo
Plan de Investigación, Innovación e Crecemento”.
A conexión de
Gradiant co mundo empresarial permitiu que este centro reducira a súa
dependencia de financiamento directo da Xunta a menos dun 30 por cento, creara
máis de 50 empregos de alta cualificación, colaborara con máis de medio cento
de empresas e duplicara a súa facturación en proxectos de I+D+i directamente relacionados
co tecido produtivo do noso país.
Asemade, en
palabras do conselleiro, “Gradiant é un
exemplo tanxible do traballo ben feito na consecución de fondos procedentes do
exterior” (referíndose ao recoñecemento internacional que obtivo co seu
primeiro proxecto europeo, Proxecto Signed,
co que obtivo o recoñecemento do Centro para o Desenvolvemento tecnolóxico
Industria) “ademais de ser o centro con
maior actividade en proxectos do Fondo tecnolóxico”, engadiu.
A Xunta xa leva
tempo traballando na conexión da investigación e a innovación co tecido
produtivo galego da man de Gradiant, e agora vén de poñer en marcha a pioneira
Rede Xestores de Innovación, Xiga, que permitiu a incorporación de medio cento
de expertos apoiados pola Xunta en outras tantas empresas, “co obxectivo de capacitar ao tecido
produtivo para convertelo no promotor do aumento da súa competitividade a
través de recursos propios dan man da investigación e a innovación”, concluíu
Guerra.