En marcha SEDIX, a primeira sociedade profesional de enxeñeiros técnicos en Informática de Galicia

luns, 8 de abril do 2024 S. P.

O pasado 5 de febreiro constituíuse en Vilagarcía de Arousa a que sería a primeira sociedade de tipo profesional que se rexistra por parte do Colexio de Enxeñeiros Técnicos en Informática de Galicia. Trátase da empresa SEDIX Ingeninería Técnica en Informática, con domicilio social na rúa Arcebispo Lago da dita localidade. Segundo explica o equipo responsábel desta nova iniciativa, a nova empresa é unha transformación en Sociedade Profesional dunha xa preexistente, denominada Atlantic IT Solutions And Services, SLU, e constituída en plena pandemia (marzo de 2020).
Co nome de Atlantic, viña prestando servizos como o desenvolvemento de aplicacións informáticas a medida, o deseño de páxinas web e a configuración e posta en marcha de sitios de comercio electrónico, así como a redacción de informes periciais en materia informática e outros traballos de índole dixital relacionados.
Xunto co cambio de denominación social e tipoloxía, incorporáronse catro novos socios á empresa pasando a ser un total de cinco. Así os socios, de maior a menor cota de participación social pasan a ser: Sergio Cores Acha (director executivo CEO), Damián Aragunde Pérez, María Esperanza Fernández Rey, Iago Moreira Rubio e Santiago Rey López.
Actualmente, coa marca SEDIX (siglas de SErvizos DIXitais), os cinco socios pretenden “apostar pola figura das sociedades profesionais como marca de calidade e garantía de bo facer nun sector onde a falta de regulación fai que as empresas campen ás súas anchas e o intrusismo profesional é a tónica habitual”.
A empresa ten a súa sede principal en Vilagarcía de Arousa pero posúe tamén unha oficina satélite na Coruña (Centro de Iniciativas Empresariais Mans, no Polígono de POCOMACO), auspiciado pola Fundación Paideia.
“Para nós”, explican, “é moi importante estar no ecosistema tecnolóxico que se está creando na Coruña, sendo a Facultade de Informática da UDC unha das máis prestixiosas de España, xunto coa recente inauguración do primeiro edificio da Cidade das TIC na vella Fábrica de Armas, ademais de que o Goberno de España apostou pola Coruña como sede de AESIA (Axencia de Intelixencia Artificial). Pero ao mesmo tempo, non queremos abandonar a localidade natal de catro dos nosos cinco socios, Vilagarcía de Arousa, posto que é unha cidade co seu propio ecosistema emprendedor e ademais conta cunha situación xeográfica perfecta para atender a clientes en toda Galicia vía AP-9, eixo atlántico ferroviario, ou co tren a Madrid en pouco máis de tres horas”.

PUBLICIDADE