Google autoriza cobrar por acceder aos xornais de pago dende Google News

mércores, 2 de decembro do 2009 Raquel Noya

O xigante norteamericano Google, o portal de Internet que acumula máis da metade das procuras na Rede en todo o mundo, vén de anunciar que lle permitirá aos medios de comunicación en liña de pago ou que esixen rexistrarse previamente para acceder á información, que cobren cada vez que os internautas accedan a eles a través de Google News, a sección do buscador especializada en novas que permitía ler os xornais de pago sen ningunha responsabilidade por parte dos usuarios. A decisión da compañía, que sempre se manifestou en contra de cobrarlle aos internautas por acceder a este servizo, fai pensar que Google quere conservar a presenza destes medios no seu buscador de novas, os mesmos que ameazaban con abandoar o buscador se non obtiñan o que pedían. Xa que logo, Google cambiou a súa política e o funcionamento do sistema, e a partir de agora, xa non se poderá acceder a medios de pago en liña de maneira gratuíta dende Google News como se viña facendo ata o de agora, senón que a partir da quinta nova, o medio poderá esixirlle ao usuario que se subscriba. Outro cambio anunciado por Google, que lle afecta a medios como The Wall Street Journal, un xornal que, ao igual que outros deste estilo, soe ofrecer de balde un ou dous párrafos da información e que esixe unha subscrición para ler a nova completa, consiste en que a partir de agora, cando se acceda a través de Google News a esas novas, o lector tan só poderá ler de balde eses primeiros párrafos, e non as novas completas como viña facendo ata agora.

PUBLICIDADE