Google augura que a suba do petróleo vai beneficiar á industria da Rede

mércores, 18 de xuño do 2008 Fernando Sarasketa

Xa o dixemos o outro día nesta mesma web: cos combustibles convertidos cada vez máis en obxectos de luxo, as opcións de facer traballo sen necesidade de desprazarse e tirando partido das novas redes da información e dos seus recursos (por exemplo, a videoconferencia, as chamadas pola Rede, o correo electrónico ou a mensaxeiría instantánea) teñen cada vez máis peso e máis corpo. Certo: de nada serve tirar partido destes servizos nunha empresa de transportes para rebaixar a dependencia ao transporte mesmo, pero si que hai un bo número de traballadores (segundo determinados estudos, arredor do 25%) que poden facer na Internet practicamente o mesmo que facían até o de agora de xeito físico e presencial. Toda esta enleada está a ter unha consecuencia: as empresas que achegan todo tipo de recursos pola Rede poderían verse beneficiadas da crise do combustible.
Isto non o dicimos nós, senón (entre outros) o vicepresidente de Google, Viton Cerf, para quen está claro que, malia os efectos negativos na economía mundial derivados da suba dos prezos dos derivados do petróleo, é innegable que a industria de Internet pode tirar partido da situación.
O directivo da primeira empresa do mundo en cuestión de buscadores en liña fixo estas declaracións en Seúl co gallo dunha xuntanza de ministros da OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico), onde aproveitou para deixar ben claro que tipo de tecnoloxía ten máis posibilidades de converterse en alternativa seria ás viaxes por traballo: a videoconferencia, hoxe en día abondo desenvolvida (sempre e cando teñamos un bo acceso ás canles do coñecemento, claro) como para achegar unha situación ben semellante a un encontro directo e presencial. Asemade, sinalou a importancia de ferramentas informáticas de cálculo e de situación xeográfica para –no caso de que a viaxe sexa inevitable- determinar o desprazamento máis curto e cómodo do traballador (por avión ou en coche), co obxectivo de reducir o gasto en combustibles.
Na imaxe (vista en Motor Full), unha estación de servizo co nome dunha coñecida mutinacional do petróleo lixeiramente variado (abondo como para facernos pensar no que tanto ela como as restantes do sector están a representar para as nosas economías).

PUBLICIDADE