Feedly estrea servizo de pagamento

luns, 5 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Feedly Pro incorpora a opción de busca

Co peche de Google Reader son moitos os servizos que xurdiron ou potenciaron as súas prestacións para atender a milleiros de usuarios orfos en todo o mundo, pero mantendo as dúbidas da súa viabilidade a longo prazo e, o principal substituto do servizo de lectura de fluxos RSS de Google, Feedly, parece ir de camiño para evitar tal situación estreando unha modalidade de pagamento, Feedly Pro, que pode contratarse por 5 dólares ao mes, 45 dólares ao ano ou 99 dólares para toda a vida, estando limitado polo momento este novo servizo a 5.000 usuarios.
Polo momento os usuarios de Feedly Pro teñen funcionalidades novas (e moi demandadas) como a posibilidade de realizar buscas entre as fontes de información ás que o usuarios está subscrito, pode acceder ao servizo mediante https, poder gardar os contidos consultados cun único clic en Evernote e contar con soporte Premium. As estas prestacións iranse incorporando outras no futuro, atendendo á demanda dos usuarios, e tamén estarán dispoñibles a través da API de Feedly (para permitir que as aplicacións que conectan co servizo poidan tirar proveito das mesmas).
Dende Feedly aseguran que a estrea da modalidade Pro non suporá a conxelación da versión de balde, aínda que esperan que o feito de contar con usuarios de pagamento poidan contribuír a facer o servizo sustentable e permitir unha innovación máis rápida.

PUBLICIDADE