FEUGA organiza un encontro con Margarita Álvarez, unha das directivas máis influentes de España

martes, 19 de decembro do 2023 S. P.

A Fundación FEUGA vai organizar este mércores 20 de decembro, ás 13.00 horas na súa sede de Santiago (no Campus Vida da USC), un encontro con Margarita Álvarez, considerada unha das 50 mulleres máis referenciais do ámbito español, que reflexionará sobre o talento como clave da supervivencia das organizacións.
“E se o talento oculto fose a clave da supervivencia das organizacións?”. A esa pregunta tratará de dar resposta Margarita Álvarez, que chega a Santiago de Compostela da man da Fundación Empresa-Universidade Galega. Ao encontro acudirán patróns de FEUGA e representantes da vida económica e social de Galicia. Durante a súa intervención, esta experta en liderado e xestión empresarial que profundará no futuro das organizacións. Sempre, “desde o punto de vista das persoas e o talento como clave”, adianta a relatora.
Margarita Álvarez foi nomeada pola revista Forbes como unha das 50 mulleres máis poderosas de España e foi elixida entre as 10 directivas máis influentes do país durante tres anos consecutivos. A súa carreira sempre estivo ligada a postos de alta dirección en multinacionais. É directora de Human Age Institute, unha institución dedicada á xestión da transformación social para conseguir empresas máis sustentábeis. Ademais, é directora executiva (CEO) de Working for Happines, unha consultora que traballa con grandes empresas en áreas de liderado, recursos humanos, comunicación, mercadotecnia, transformación reputacional e sustentabilidade. Traballou durante 15 anos en Coca-Cola, desempeñando varios cargos, entre eles o de presidenta do Instituto da Felicidade. Foi tamén directora de Marketing e Comunicación de Iberia e Latam no Grupo Adecco. Como responsábel de Thought Leadership no mesmo grupo, liderou a estratexia de reputación en 62 países. É, así mesmo, fundadora do Observatorio de Innovación no Emprego e a Educación (OIEE).


PUBLICIDADE