FACUA critica que o Goberno poña atrancos á eliminación do roaming na Unión Europea

luns, 29 de decembro do 2014 Marcus Fernández

FACUA-Consumidores en Acción critica un informe do Corpo de Reguladores Europeos para as Comunicacións Electrónicas (BEREC) establecido polo Parlamento e o Consello Europeos, organismo co-presidido actualmente pola CNMC, que busca deixar sen efecto a directiva europea que busca a eliminación dos sobrecustos para as chamadas en itinerancia dentro da Unión Europea que entraría en vigor dentro de pouco máis dun ano.
Dende FACUA denuncian que o Goberno apoie este informe colocando os intereses das empresas de telecomunicacións por diante dos consumidores, replicando de xeito “indignante” os argumentos dos grandes operadores do sector.
O informe recolle argumentos bastante febles como considerar que como España é un país receptor de roaming e o 55% dos españois nunca viaxan ao estranxeiro, manter este tipo de penalización nas telecomunicacións podería ser beneficioso (o que parece ignorar totalmente as necesidades dos usuarios).
De todos os xeitos, cómpre lembrar que polo momento as medidas anti-roaming limítanse á voz, mentres que os servizos de datos quedan libres da regulación, o que ratificaría que a posición dos reguladores non é todo o firme que debera, xa que cada día son máis importantes as comunicacións mediante redes de datos, mentres que os servizos de voz son cada vez menos empregados polos cidadáns.

PUBLICIDADE