Estudantes da UVigo presentan en Celanova unha webserie de tres capítulos: Fame

xoves, 18 de xullo do 2013 Redacción

Xa sabemos máis detalles sobre a webserie da que falamos os días pasados dende Código Cero, un proxecto que vén da man dun grupo de alumnos e alumnas da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Uvigo e que cuxa presentación estaba prevista para a décima edición do Curso audiovisual de Celanova que comezou este mércores na vila ourensá. Pois ben, agora xa coñecemos entre outras cousas o título (chamarase Fame) e máis o argumento, que xira arredor de dous personaxes (Eme e Uve) que se atopan de viaxe e, por mor dunha avaría no seu automóbil, vense obrigadas a pasar a noite nunha casa rural onde todo se complica coa aparición dun terceiro personaxe, un rapaz que ben se podería inserir na categoría de rapaces potencialmente xeradores de máis complicacións.
A webserie consta de tres capítulos, cada un cunha duración aproximada de oito minutos e estrearase cada un deles durante os tres días de celebración do curso de verán. Trátase, en palabras de Paulino Pérez, o profesor da UVigo responsábel do obradoiro Celanova, plató de ficción , dunha produción express. De feito, foi gravada nunha fin de semana de rodaxe e editada estes días. Segundo comenta, a creación desta produción faise, non con pretensión comercial ou profesional, senón como “unha práctica dos estudantes e co obxectivo principal de introducilos nas rutinas e nos tempos de traballo do sector audiovisual”. En total participaron na iniciativa oito estudantes da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, cinco da Escola Superior de Arte Dramática ESAD e unha maquilladora, alén da súa coordinación. Lembrar tamén que Fame conta con Facebook de seu e que na canle de TV da Universidade de Vigo podemos ver xa o primeiro capítulo e máis o segundo.
Por certo que amais desta estrea, o curso de Celanova tamén acolle estes días as súas primeiras conferencias e proxeccións, correndo a sesión inaugural (este mércores) a cargo de María Lameiras, vicerreitora do campus; Miguel Anxo Fernández, director da iniciativa; Xavier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares; Anxo Lorenzo, secretario de Cultura da Xunta; César Fernández, asesor de Cultura da Deputación Provincial de Ourense, e Luis Ferro, alcalde de Celanova.

PUBLICIDADE