Este 2 de xullo, cita coa Compra Pública Innovadora da man do CPEIG

martes, 30 de xuño do 2015 Redacción

Como complemento á Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia celebrada o pasado venres 26 de xuño, o CPEIG vai desenvolver este 2 de xullo un encontro que amosará as potencialidades da Compra Pública Innovadora (CPI) para o impulso das firmas do noso tecido tecnolóxico-dixital. A Xornada de Oportunidades de CPI para empresas TIC desenvolverase no edificio CERSIA de Santiago e dará arrancado arredor das 9.30 horas cun acto de presentación da man do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Ás 9.45 horas intervirá o director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, falando da aposta galega pola Compra Pública Innovadora.
Arredor das 10.15 horas está previsto que comece o relatorio de Juan Manuel Garrido (Ministerio de Economía e Competitividade), baixo o epígrafe de As compras públicas como motor de innovación. Garrido abordará os elementos clave da CPI, os beneficios da mesma e o seu marco legal, entre outras cousas. Logo dunha pausa para o café, será a quenda de Sandra Sinde, directora de Innovación Aberta nas Administracións Públicas de Idom Consulting, que debullará o estado de cousas da adquisición pública de tecnoloxía innovadora no panorama internacional.
Ás 12.15 chegará o punto de vista da empresa galega Bahía Software, que fornecerá o seguinte relatorio práctico: Aprendendo do concreto, experiencia de empresa participante no proceso de CPTI do SERGAS. Para rematar, ás 12.45 horas falará Miguel Ortiz, do CDTI (Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial), quen debullará as alternativas existentes hoxe en día para acometer financiamento en CPI, tanto a nivel europeo (programas como Horizon 2020) como a nivel estatal (as achegas do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial).

PUBLICIDADE