Eroski Móvil traspasa o seu negocio a Vodafone

luns, 19 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Cada vez están máis lonxe os tempos nos que o mercado estaba asolagado por Operadores Móbiles Virtuais, e moitas das compañías que entraron en tal sector están a retroceder ante as dificultades para manter rendible tal actividade, e ao igual que o ano pasado dixo adeus Carrefour Móvil, agora é Eroski Móvil a compañía que se despide, traspasando o seu negocio a Vodafone.
Dende Eroski Móvil aseguran ter decidido deixar de dar servizo de telefonía móbil ante a imposibilidade de ofrecer aos clientes servizos converxentes de fibra, móbil e televisión, considerando que traspasar o negocio ao Grupo Vodafone era o máis axeitado, xa que así os usuarios manterán a mesma rede de telefonía da que veñen a gozar nos últimos anos, de xeito que manterán a mesma cobertura.
No caso dos clientes de liñas de contrato de Eroski Móvil non será preciso ningún tipo de actuación, pasando o servizo do operador actual a Lowi, mantendo incluso a mesma tarxeta SIM. No caso das liñas de prepagamento o cambio de operador non pode realizarse deste xeito, polo que os usuarios deberán contactar con Vodafone para solicitar a portabilidade da súa liña actual. O saldo actual nas liñas de Eroski Móvil poderá gastarse até o 31 de marzo e, no caso de realizar a portabilidade sen gastar o saldo completamente, poderase solicitar a súa recuperación nos hipermercados Eroski.

PUBLICIDADE