Ericsson presenta a súa tecnoloxía LTE para servizos de banda larga móbil

venres, 4 de abril do 2008 Marcus Fernández

Robert Puskaric presentando a súa plataforma M700

Os distintos axentes no mundo das telecomunicacións comezan a tomar posicións de cara á tecnoloxía móbil que poderiamos chamar 4G, e mentres uns apostan polo WiMAX, outros xa anuncian os seus plans para LTE, que sería unha opción máis propia de operadores de telefonía móbil.
Así, Ericsson vén de amosar a súa plataforma M700 para a tecnoloxía LTE que permitiría transmisións de datos de ata 100 Mbps de descarga e 50 Mbps de subida, o que superaría á meirande parte das conexións de acceso á Rede baseadas en cable, abrindo unha ampla gama de servizos ás operadoras móbiles.
Os primeiros produtos da familia M700 serán dispositivos de datos, coma modems USB e ExpressCard para ordenadores portátiles. Agárdase que esta tecnoloxía comece a comercializarse en 2009, aínda que os produtos baseados nesta plataforma non chegarán ata 2010.
As transmisión desta tecnoloxía faranse na banda entre 1,4 e 200 MHz, e segundo o director de plataformas móbiles de Ericsson, Robert Puskaric, achegará un «servizo completo de banda larga en calquera dispositivo, en calquera lugar e en calquera momento».

PUBLICIDADE