En sete anos, o mundo enviará 3,7 billóns de SMS

mércores, 21 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

As mensaxes curtas de texto nos móbiles foron por así dicilo un éxito acadado por desidia ou, se cadra, por exceso de preocupación noutros asuntos. É dicir, que ás operadoras saíulles ben a xogada dos SMS mentres procuraban que lles saísen ben outras (case ninguén tivo en conta nun principio o poder da mensaxe de texto, capaz mesmo de cambiar o rumbo da historia). A este que escrebe, cando pensa nos SMS se lle veñen ós miolos as bolachas de Small Time Crooks (en español, co título horrible de Granujas de medio pelo), que foron a fonte inesperada de riqueza dun grupo de afeccionados ás alfaias, ó ouro en lingotes e á minería. Salvando as diferenzas, as cifras que manexarán en 2012 as operadoras a nivel mundial no asunto das mensaxes de texto é digna de terse en conta: 3,7 billóns, segundo da consultora Portio Research no seu informe Mobile Messaging Futures 2007-2012. Isto confirmaría (sempre e cando este estudo fose fiable) o que xa supúñamos: as mensaxes de texto nos móbiles seguirán sendo un servizo de datos de cumprido éxito entre os usuarios.
Os ingresos que obterán as operadoras tampouco son palla mollada: arredor de 51.000 millóns de euros por tódolos SMS enviados ó longo dese ano. En CanalPDA atrevéronse incluso a turrar da materia gris co fin de comprobar se esta cifra suporía un incremento ou unha baixada do prezo da mensaxe. En realidade, suporía unha baixada: ficaría nos 1,3 céntimos, o que non está nada mal pero que, asemade, deixaríanos lonxe daqueles tempos (fermosos tempos) nos que era posible enviar palabriñas dende a Rede ós terminais dos amigos e familiares e sen custo algún.
Co fin de non afondar nestas cifras e albiscar unha imaxe concreta da situación, cómpre sinalar que 3,7 billóns de mensaxes nun ano representan 10.137 millóns de mensaxes nunha única xornada, ou 422 millóns por hora ou mesmo 7 millóns por minuto (e, indo alén, 117.000 por segundo). Ou sexa: seremos moitos tendo moitas cousas que dicir e coas falanxes ben adestradas co fin de enviar as mensaxes o máis rápido posible. Ou será que en 2012 finalmente os nosos vellos (moitos vellos e moitas mensaxes para enviar en potencia) deixarán atrás os tempos nos que, teimudos, aseguraron perpetuarse nun emprego do móbil baseado só no envío e recibo de chamadas?
Segundo o mesmo estudo de Portio Research (que non sabemos moi ben que interese terá en empregar tantos esforzos á hora de publicar estes prognósticos, se cadra a clave estea no dato sobre o abaratamento, que dá boa imaxe ás operadoras), a principios da vindeira década a mensaxeiría instantánea móbil superará ós SMS como servizo de envío de datos preferido polos consumidores, sobre todo debido ó espallamento de teléfonos que ofrecen algo máis có envío e o recibo de chamadas. É dicir: serán terminais de servizos avanzados que mesmo permitirán conexións sen fíos a Internet, o que fará que as operadoras poñan en circulación ofertas combinadas encamiñadas a frear a máis que posible integración dos SMS por parte dos “messengers” no móbil.

PUBLICIDADE