En España non teremos 4G de calidade até o outono

xoves, 4 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Aínda que dende o pasado 1 de abril xa non hai emisións de TDT nas frecuencias que van dende os 790 e os 862 MHz, o coñecido como dividendo dixital, facilitando así o uso desa banda para a telefonía móbil 4G, o que achegaría unhas conexións de maior velocidade e cobertura, o feito de que o uso desta parte do espectro radioléctrico deberá coidar non interferir nas emisións da TDT entre os 470 e os 790 MHz está a levar a Telefónica, Vodafone e Orange a adiar o inicio da explotación das frecuencias liberadas até o vindeiro outono, para poder cumprir así cos requisitos de calidade esixidos.
Este adiamento está a resultar bastante prexudicial para os consumidores, xa que non só terían que terse iniciado a explotación da banda dos 800 MHz o pasado 1 de xaneiro, senón que as limitacións do 4G actual están a provocar a que esta tecnoloxía estea restrinxida a un reducido grupo de operadores, non esperándose que se abra a todos os OMV até que chegue ás novas frecuencias.
Segundo ElEconomista, a semana que vén Elecnor botará a andar un Centro de Atención ao Usuario para os grandes operadores españois, que servirá para atender as posibles reclamacións dos cidadáns sobre as interferencias no servizo da TDT que poidan xurdir durante o espallamento do 4G. Nos vindeiros días espérase que os operadores comecen a informar sobre os pasos que deberemos dar os cidadáns para advertir no caso de xurdir interferencias na TDT na nosa zona.

PUBLICIDADE