Empresas TIC de Galicia propón un acordo con autónomos e comercios galegos para superar a fenda dixital na que se atopan

mércores, 20 de xuño do 2007 Raquel Noya

O presidente da Asociación Galega de Empresas TIC (AGESTIC), José María López Bourio, no relatorio dunhas xornadas sobre “Os autónomos e o comercio electrónico”, propúxolle ós presidentes dos comerciantes galegos, José María Seijas e ó dos autónomos, Paulino Franco, un acordo entre as tres organizacións para presentar proxectos que tendan á superación da fenda dixital existente nestes colectivos.
Segundo López Bourio, as empresas TIC galegas están dispostas a colaborar na aplicación das tecnoloxías da comunicación nestes sectores para “conseguir superar o claro atraso tecnolóxico no que se atopan”, sobre todo debido a unha actitude de indiferenza ante as novas tecnoloxías da comunicación e por descoñecemento das vantaxes das súas aplicacións.
AGESTIC advertiu que a “situación máis grave” dáse entre os autónomos sen empregados ou que contan con menos de cinco asalariados, dos cales só o 19 por cento conta con algún equipamento e tan só o 12 por cento emprega Internet nas súas actividades.
É por iso que a Asociación proponlle á FGC e á FEAGA, coordinar as actuacións entre os tres colectivos e presentar conxuntamente unha serie de iniciativas (que van dende a alfabetización en materia de tecnoloxías ata a difusión das bondades de xestión coas Tic) ante a Consellería de Innovación, para que, a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial, sexan apoiadas “e acadar a incorporación deste importante colectivo empresarial á Sociedade da Información”.

PUBLICIDADE