Dúas ducias de centros educativos de Ourense acollerán obradoiros maker da Deputación

martes, 22 de febreiro do 2022 S. P.

A Deputación de Ourense, como beneficiaria do Proxecto Emprende Makers, proxecto co-financiado ao 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), desenvolve dende a semana pasada diversas actividades de formación para nenas e nenos en tecnoloxías libres e participativas: tecnoloxías maker. Faino ao abeiro do seu programa Espacios Kids en centros educativos de toda a provincia (arredor de dúas ducias deles confirmados), comezando no CEIP Valle-Inclán de Muíños.
Esta iniciativa está dirixida a crianzas de entre 8 e 11 anos, pretendendo inicialas nas tecnoloxías argalleiras e creativas, combinándoo co desenvolvemento da intelixencia, a creatividade e a imaxinación mediante actividades lúdicas e educativas. Dentro do proxecto levaranse a cabo obradoiros prácticos, co material e equipamento necesario, de iniciación ao deseño e á impresión 3D, iniciación á creación con Makey Makey e á electrónica interactiva, iniciación á robótica e ás ferramentas de programación Scratch e GameMakers. “Todo isto”, informa Deputación, “realizarase baixo a filosofía do faino ti mesmo e as metodoloxías Lean e Learning by doing, a través de obradoiros extraescolares en horario lectivo, cunha duración de entre 2 e 4 horas por taller”.
Participan centros escolares de toda a provincia.
As actividades comezaron o xoves 17 de febreiro no CEIP Valle-Inclán de Muíños e chegarán a diferentes centros educativos da provincia ata o 30 de xuño. De momento os centros confirmado son: CEIP Plurilingüe de Maceda, CEIP Padre Feijoo (Allariz), CEIP Xoaquín Lourenzo Xocas (Bande), CEIP de Sandiás, CEIP Plurilingüe de Os Blancos, CEIP Xuvencos (Boborás), CEIP de Beariz, CEIP Irmáns Villar (Ourense), CEIP Vistahermosa (Ourense), CPI Antonio Faílde (Ourense), CEIP Curros Enríquez (Ourense), CEIP de Castrelo de Miño, CEIP Plurilingüe de Ribadavia, CEIP Virxe de Guadalupe (Avión), CPI Virxe dos Remedios (Castro Caldelas), CEIP Rogelio García Yáñez (Ramirás), CEIP Joaquina Gallego Jorreto (A Merca), CEIP Plurilingüe Manuel Bermúdez Couso (Trives), CEIP Manuel Respino (A Rúa), CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa (O Barco), CEIP Eduardo Ávila Bustillo (A Veiga), CEIP de O Bolo, CEIP Vicente Risco (Cualedro), CEIP de Oímbra, CEIP de Bibei (Viana) ou o CPI Laureano Prieto (A Gudiña). Ata o 30 de xuño esperase chegar a máis centros dos xa confirmados.

PUBLICIDADE