Denuncian que algunhas lectoras de DVD da Xbox 360 raian os discos reproducidos nas mesmas

martes, 16 de decembro do 2008 Marcus Fernández

A Xbox 360 foi unha consola moi polémica nos seus inicios por mor da aparición das temibles luces vermellas que indicaban un fallo irrecuperable da consola debido a un erro de deseño, o que lle valeu moitas reclamacións a Microsoft, compañía que decidiu ampliar a garantía da consola para cubrir este tipo de fallo, o que agora non parece repetirse cando certos usuarios denuncian que o lector de DVD da Xbox 360 raia a superficie dos discos dos xogos deixándoos ilexibles.
Este último problema está a chegar aos tribunais nos EE.UU., argumentando os usuarios descontentos que o erro está producido por un erro de deseño da consola que segundo un documento tería sido detectado antes do lanzamento da consola, o que negan rotundamente dende a compañía de Redmond. Aseguran que a meirande parte dos casos detectados de danos en discos se produciron cando a consola se moveu ou inclinou durante o uso da súa lectora de DVD, o que afectaría a menos do 1% das consolas vendidas.
Parece evidente que este suposto erro de deseño da Xbox 360 podería ser moi discutible, pois non se trata dun fallo que, coma o das luces vermellas, afecte á meirande parte das unidades, senón que se limitaría a un reducido grupo, que incluso podería ser menor de descargarse os casos de mal uso da consola.

PUBLICIDADE