Dende Sony aseguran que a nova PS3 non será retrocompatible

venres, 21 de agosto do 2009 Marcus Fernández

O anuncio do lanzamento unha consola PlayStation 3 Slim para o 1 de setembro e a un prezo de 299 euros foi moi ben acollido, máis pola redución de prezo da consola de Sony que polo cambio de tamaño (moito máis modesto que o da PS2 na PS2 Slim), aínda que comezan a verse certas sombras sobre o asunto. Por exemplo, no Xapón confirmaron que a consola custaría 29.980 iens, pero de incluír un xogo, unha base para colocar a PS3 en vertical e un cable HDMI o prezo chegaría aos 41.980 iens (ou sexa, coma se non houbese ningunha rebaixa), o que por fortuna parece que non vai pasar en España, onde distintas tendas xa están a anunciar que por 299 euros non só venderán a nova PS3, senón que tamén incluirán 1 xogo de balde en moitos casos (aínda que non estariamos a falar de títulos de estrea).
Tamén comezan a chegar os comentarios sobre as carencias da PS3 Slim, que presenta un acabado moito máis discreto que o da PS3 orixinal, o acendido da consola realízase a través dun botón bastante tradicional (en vez do panel táctil anterior), non conta con lector de tarxetas de memoria, eliminan a posibilidade de instalar Linux e confirman a malísima nova de que a retrocompatibilidade «non vai volver», de xeito que non será posible utilizar xogos de PlayStation 2 na nova PS3 pese a que os primeiros modelos da consola si o facían, o que supón toda unha decepción para os usuarios que teñen unha boa colección de xogos vellos que en moitos casos aínda non teñen relevo en alta definición.
Por outra banda, a boa nova para moitos estará no feito de que o disco duro de 160 Gb que vén incluído de serie será actualizable por parte do usuario, e incluso é moi probable que en breve pareza un modelo con disco de 250 Gb.

PUBLICIDADE