Cultura e Turismo dixitaliza os fondos bibliográficos e documentais das principais fundacións galegas

martes, 29 de xuño do 2010 Raquel Noya

As Fundacións galegas, 10 de Marzo, Eugenio Granell, Vicente Risco e Carlos Casares, a fin de velar pola conservación e pola difusión dos seus fondos bibliográficos e documentais, veñen de asinar un convenio de colaboración co Padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que preside o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela. Mediante este acordo, ambas partes comprometéronse a promover accións dirixidas a recuperar, conservar, facilitar o acceso e difundir á sociedade o seu patrimonio documental e bibliográfico a través da conversión a formato dixital dos seus fondos. Dende a Consellería de Cultura e Turismo, que exerce o protectorado e a presidencia do Padroado da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, afirman que esta acción servirá para protexer e difundir os “tesouros bibliográficos e documentais” que se atopan nestas entidades; todos eles fundamentais, únicos e singulares do patrimonio galego.
O obxecto dos convenios é, xa eu logo, a conservación, promoción do acceso, o estudo e a difusión do patrimonio bibliográfico e documental das devanditas fundacións, principalmente mediante a súa dixitalización e tamén, como non, mediante a creación de metadatos de fondos bibliográficos e documentais que se conservarán no arquivo e na biblioteca das diferentes Fundacións. Os resultados do proceso de dixitalización dos fondos porase a disposición da Fundación Cidade da Cultura para a súa utilización e difusión pública, como parte dos fondos dixitais da Biblioteca de Galicia, de xeito que permita a consulta dos mesmos mediante as novas tecnoloxías da comunicación. Así mesmo, estes resultados quedarán as disposicións de cada unha das Fundacións que asinaron o convenio.
En total, dixitalizaranse 5.299 arquivos da Fundación 10 de marzo; no caso da Fundación Eugenio Granell os traballos de dixitalización e catalogación faranse sobre 1.400 obras; na Fundación Carlos Casares dixitalizaranse 3.653 manuscritos e mecanuscritos, e 1.200 fotografías; e, por último, da Fundación Vicente Risco converteranse a formato dixital as 25 primeiras edicións das obras de Vicente Risco, o fondo antigo da biblioteca da Fundación Vicente Risco e fondos especiais, como correspondencia, debuxos orixinais e documentos.

PUBLICIDADE