Creada na Costa da Morte unha guía para difundir o uso de galego na Rede

mércores, 11 de maio do 2011 Raquel Noya

O galego precisa de Internet e Internet precisa do galego; con estas verbas tan precisas e ao mesmo tempo con tanta carga metafórica, os concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas, xustifican a súa última iniciativa levada a cabo en prol da nosa língua: a guía Os meus favoritos, que cobra maior relevancia, se cabe, agora que o Día das Letras Galegas está á volta da esquina.
Trátase dun catálogo que veñen de editar os servizos de normalización lingüística dos devanditos concellos, que recolle preto de 200 enderezos de sitios web en galego de ámbitos tan diversos como a banda deseñada, o deporte, o audiovisual, a cultura, a mocidade, as redes sociais, os xogos...
Malia que a guía está editada en papel (para repartir entre distintos colectivos) tamén se vai difundir en formato dixital, a traves de distintas webs e por correo electrónico, a aquelas persoas que a soliciten no Servizo de Normalización Lingüística (SNL) dos catro concellos.
O catálogo servirá, entre outras cousas, para dar a coñecer todo o que hai no ciberespazo en torno á nosa língua, que por certo, é moito e moi bo, así como para vencellar o galego aos novos medios e ás novas tecnoloxías.
Asemade, segundo informan dende o organismo responsable da iniciativa, outro obxectivo desta ferramenta é “contribuír á difusión da información de todo tipo na nosa língua”, algo que malia que xa se vén facendo dende outros medios, nunca é suficiente cando se trata de conservar unha lingua senlleira como o galego.
Xa que logo, a guía Os meus favoritos, da que se repartirán uns 8.000 exemplares polos catro concellos, recolle enderezos de sitios web en galego de todo tipo, tales como páxinas para comprar orixinais camisolas, sitios para escoitar a música galega emerxente, webs de información cultural ou deportiva, e mesmo ligazóns para xogar en rede ao Trivial ou ao Catapalabras.
Tamén recolle información de utilidade e pasos a seguir sobre como configurar en galego os sistemas operativos, os paquetes ofimáticos ou os navegadores máis populares; así como a maneira de configurar os nosos perfiles para usar o galego no Facebook ou no Tuenti.


Guía elaborada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso e Zas

PUBLICIDADE