Condena histórica a un concello por desconectar unha antena de telefonía móbil

luns, 8 de xuño do 2009 Raquel Noya

As antenas de telefonía situadas preto de núcleos urbanos (con ou sen licenza) seguen a ser, a día de hoxe e logo de tantos anos valorando a súa inocuidade para a nosa saúde, un dos temas máis plantexados polas asociacións de veciños e colectivos varios, que poñen nun lado da balanza as vantaxes de poder ter en todo momento unha boa cobertura para o móbil e do outro a desvantaxe de descoñecer os posibles efectos adversos que este tipo de radiación pode xerar na nosa saúde.
Por ser este un dos temas que máis se poñen enriba da mesa nas reunións veciñais e de distintas asociacións que cuestionan a inocuidade desta tecnoloxía, tamén tiña que ser, por forza, un dos que máis batallas xudiciais libera nos xulgados.
Agora, por primeira vez dende que comezou a guerra entre as empresas de telecomunicacións e os concellos pola colocación de antenas de telefonía móbil, a Xustiza vaille obrigar a un consistorio a indemnizar a un operador pola desconexión dunha antena.
O Concello de Altea (Alicante) vaille ter que desembolsar a France Telecom (que en España funciona como Orange) un total de 109.650 euros que deixou de ingresar durante os 259 días nos que a estación base da operadora estivo apagada. A sentenza, que foi ditada polo Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Valenciana, foi acollida “con entusiasmo” polo sector das telecomunicacións, que se ve a miúdo enfrontado á sociedade por este tipo de desconexións que deixan sen cobertura aos usuarios.
Pese a que as operadoras de telecomunicacións insisten en lembrar que a Organización Mundial da Saúde (OMS) desestimou en varios informes o suposto dano para a saúde das ondas que emite a telefonía móbil, o certo é que os seus argumentos non acaban de convencer aos consumidores e os conflitos cos concellos, lonxe de rematar, seguramente irán a máis ata que se chegue a un acordo que beneficie a todos.

PUBLICIDADE