Chega a España o Surface Pro 3

xoves, 28 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Tres meses despois da súa presentación, o tablet de Microsoft, o Surface Pro 3, que aspira a converterse en substituto dos ordenadores portátiles á vez que permite as vantaxes da mobilidade e a comodidade dos dispositivos táctiles para o consumo multimedia, chega finalmente a España, xunto a 27 outros mercados máis, a un prezo que parte dos 799 euros.
O Surface Pro 3 conta cunha pantalla de 12 polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.440 píxeles, funciona cun procesador Intel Core de cuarta xeración (dende un i3 até un i7), ten 4/8 Gb de RAM, 64/128/256 Gb de SSD, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, lector de tarxetas microSD, un porto USB 3.0 de tamaño completo, saída mini DisplayPort, cámaras de 5 Mpíxeles, lapis dixitalizador e unha batería que achega unha autonomía de navegación web de até 9 horas. Ten un grosor de 9,1 milímetros e un peso de 800 gramos. Entre os seus accesorios conta cunha funda con teclado (que custa 129,99 euros) e, a partires do 12 de setembro, terá tamén unha base dock para transformar o Surface Pro 3 nun equipo de escritorio (que venderase a 199,99 euros).
Este novo equipo busca resultar de grande utilidade en mobilidade, por realizar as funcións de varios equipos en un, evitando as limitacións propias de moitos tablets (como a falta de rato ou a súa reducida potencia) e incluso atrévese a medirse co MacBook Air.

PUBLICIDADE