CAI Sistemas convida a participar na súa Xornada de Asesores de Empresas, o 3 de maio en Vigo

venres, 13 de abril do 2012 Redacción

Público e relatores dunha das anterioes edicións do encontro profesional

A empresa viguesa CAI Sistemas organiza o vindeiro 3 de maio a terceira edición da Xornada de Asesores de Empresas, no Auditorio Mar de Vigo. O obxectivo deste evento é, en palabras da firma galega, propiciar un punto de encontro para que os profesionais do sector intercambien experiencias e coñecementos do xeito máis fluído e enriquecedor, ao tempo que se fomentan as colaboracións entre empresas participantes. Segundo engade CAI, estamos ante unha “cita imprescindíbel para asesores de empresas e xestores administrativos, directores de asesorías, xestorías e despachos profesionais, así como para usuarios de aplicacións informáticas profesionais nos eidos devanditos”.
A xornada, que será de entrada libre, de balde, comezará ás 9.30 horas coa recepción dos asistentes para logo abordarse temas de actualidade e interese xeral, como por exemplo as implicacións da reforma laboral, a campaña da renda ou metodoloxías actuais para combater a crise dende as empresas.
O acto está previsto que remate sobre as 14.00 horas, co sorteo de un iPad entre as persoas que estean presentes no evento. Segundo informa CAI, empresa TIC centrada no sector do asesoramento e a consultoría, a xornada contará para o seu desenvolvemento coa colaboración de entidades públicas e privadas, entre as que se inclúen o Colexio Oficial de Titulados Mercantís e Empresariais de Galicia, o Colexio de Economistas de Pontevedra ou o Grupo Femxa, entre outros.
O evento contará coa presenza de Ana Isabel Docabo, responsable da área fiscal de CAI Sistemas, que comezará coa presentación de novidades para a Campaña de Renda e Sociedades 2011. A continuación Jaime Cabeza, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Vigo impartirá unha charla sobre A Reforma Laboral, para, logo dunha pausa-café, retomarse a actividade co relatorio Como gañarlle ao 2012? a cargo de Jordi Amado, director xeral de Planificación Xurídica. A última conferencia, baixo o epígrafe En que podemos e debemos mellorar? será impartida por Yolanda Álvarez, xerente de BaB Selección e Formación.

PUBLICIDADE