Brión convoca trece obradoiros prácticos de informática

xoves, 2 de febreiro do 2012 Raquel Noya

O Concello coruñés de Brión, nunha demostración maxistral de que as supersticións só son escusas para traballar menos, vén de abrir o prazo de inscrición en trece obradoiros de informática de distintos eidos, uns obradoiros que teñen como destinatarios aos veciños e veciñas da zona que desexan inserirse paseniño nas novas tecnoloxías e Internet.
Os cursos, que durarán entre dúas e catro horas cada un, teñen unha visión eminentemente práctica, e os alumnos e alumnas que asistan aprenderán a manexar, a nivel usuario, certas ferramentas como as redes sociais, o DNI electrónico, os blogs, a cámara dixital...
O prazo de inscrición para participar nestas actividades xa está aberto e para confirmar a súa asistencia, as persoas interesadas deben achegarse ata a Casa da Cultura do Concello ou chamar ao teléfono 981 509 908.
A cota de inscrición é de 10 euros por curso e os obradoiros iranse celebrando a medida que se superen as 8 persoas inscritas en cada un deles.
As sesións de traballo terán lugar no telecentro de comunicacións de Brión, e os horarios dependerán da disposición das persoas apuntadas, podendo escoller entre asistir pola mañá (os martes de 10:30 a 12:30 horas) ou pola tarde (os luns de 16:30 a 18:30 horas e os martes e xoves de 20:00 a 22:00 horas).
A oferta do Concello de Brión inclúe, nesta ocasión, varios obradoiros relacionados coa Internet como: busca de emprego a través da Rede, organización de viaxes a través da Internet (voos, reservas, hoteis...), comercio electrónico ou trámites electrónicos (na Seguridade Social, no Sergas, na Axencia Tributaria...). Ademais, convocaranse tamén cursos para aprender a utilizar as redes sociais (Facebook, Twitter e Tuenti) e ensinarase aos alumnos a crear un blog de seu.
Os outros cursos ofertados polo Concello de Brión teñen que ver co mundo da imaxe e a fotografía. Falamos dun curso de retoque fotográfico con Photoshop, un obradoiro para sacarlle todo o partido á cámara dixital ou un curso de música e vídeo, que se complementa con outro de gravación de CD´s e DVD´s.
Asemade, ofértanse cursos de creación de páxinas web, tramitación do DNI electrónico e incluso para o uso do Skype, unha ferramenta moi útil para a comunicación en liña en tempo real.

PUBLICIDADE