Bota a andar Enkenda, un espazo virtual para traballos de pequena construción en Galicia

venres, 11 de febreiro do 2011 Raquel Noya

O sector da construcción, por tratarse dun sector clave na economía do noso país, é un dos que máis sufríu e sofre os efectos adversos desta crise mundial e son moitos os profesionais deste eido en Galicia que non atopan solución a curto prazo.
Porén, as novas tecnoloxías e Internet sempre están á man para contrarrestar un pouco a falta de iniciativa e oportunidades en calquera sector e os profesionais da construcción en Galicia acaban de verlle o seu aquel.
Co lema “Profesionais dende outra perspectiva” responsables deste colectivo na nosa Comunidade veñen de poñer a andar Enkenda, unha plataforma na Rede que funciona a modo de punto de encontro virtual para tódolos colectivos relacionados coa construcción en Galicia, é dicir, carpinteiros, torneiros, canteiros, escaiolistas, electricistas… que se poñen a disposición das persoas interesadas en contratalos tan só a golpe dun “click”.
Esta ferramenta pon en contacto a profesionais que teñen en común “a calidade e o rigor no traballo” con futuros clientes interesados en levar a cabo todo tipo de obras relacionadas coa vivenda e a xardinería en calquera punto da nosa xeografía.
Enkenda, que contou coa colaboración de A Navalla Suíza, ofrece información detallada sobre cada profesional e empresa que integra e achega diversos vídeos nos que dan a coñecer a súa forma de traballar “in situ”.
A ferramenta online permite, entre outras cousas, contactar con cada profesional directamente e pedir orzamento de balde e sen compromiso; porén o máis destacable da web é o servizo Enkenda Plus, que permite a coordinación e supervisión dos proxectos a levar a cabo, destinado a aquelas persoas que non saben por onde comezar ou non teñan tempo para visitar e comprobar o bo transcorrer das obras.
Aproveitando as vantaxes da Rede 2.0, máis interactiva e comunicacional, o sistema tamén permite que os propios usuarios valoren os traballos das empresas que contrataron, xerando, deste xeito, unha “rede de confianza” na que se achegan as valoracións positivas e negativas de cada servizo.
Os profesionais que se queiran adherir a Enkenda, que por certo foi premiada polo Concello de Santiago no pasado mes de novembro como Nova Idea Empresarial 2010, non teñen que pagar nada e, segundo os seus creadores, o único requisito que se pide é “demostrar a calidade”.
Enkenda é un proxecto de Pablo Oubiña (Vilagarcía de Arousa, 1978), enxeñeiro de edificación e arquitecto técnico que traballou durante oito anos en empresas construtoras.

PUBLICIDADE