BBVA lanza unha aplicación para facilitar os pagos a través do móbil

mércores, 4 de decembro do 2013 Redacción

BBVA vén de oficializar o lanzamento dunha aplicación móbil que lles pon aos seus clientes as cousas máis doadas en materia de transaccións e demais. En detalle, do que se trata é de ofrecerlles a posibilidade de levar a cabo xestións e realizar pagos mediante o teléfono móbil. Ou sexa, facer cousas como mercar un produto, consultar movementos ou mesmo rexistrar imaxes dos recibos, e todo sen necesidade de botar man da tarxeta tradicional nin de irmos á sucursal bancaria. A aplicación, de nome BBVA Wallet, xa está dispoñíbel tanto para iOS como para o sistema Android.
Outra das vantaxes que pon en xogo, en palabras dos seus responsábeis, é o factor extra de seguridade. De feito, segundo sinala o BBVA, toda vez que empreguemos a nosa tarxeta, recibiremos un aviso no móbil co fin de evitar calquera tipo de calote (bótase man da tecnoloxía Push). Ao mesmo tempo, poderemos activar ou desactivar temporalmente o noso cartón de crédito sen necesidade de ir ao banco. A maiores, a ferramenta ábrenos a porta para contratar unha tarxeta virtual Wallet con posibilidade de recarga e de realización de compras por Internet.

PUBLICIDADE