Ata 34 empresas TIC galegas poderán obter subvención para certificarse en varias ISO

mércores, 23 de novembro do 2011 Raquel Noya

O Ministerio de Industria e Turismo, a través do Plan Avanza, vén de aprobarlle á Asociación Galega de Empresas TIC, AGESTIC, a subvención de dous importantes proxectos, propostos para colaborar na mellora da competitividade das empresas TIC galegas, que permitirán que máis de 30 firmas do país reciban cadanseus TI certificados e obteñan un importante valor engadido para os seus negocios.
Trátase da certificación ISO 15504, á que poderán optar unhas 20 empresas TIC do país, e da ISO 20000, á que aspirarán unhas 14 firmas, as cales poderán facelo a un prezo substancialmente reducido pois, segundo informan dende AGESTIC, será a asociación “quen asuma os custes de Consultoría de Implantación e a Certificación”.
Dende esta entidade afirman que as devanditas certificacións “convertéronse nun valor engadido no sector TIC o que as fai imprescindibles para a competitividade das empresas”, pois, segundo aseguran, “tanto as Administracións como os clientes valoran e incluso esixen que os seus provedores se atopen certificados nalgunha das Normas ISO”.
Xa que logo, AGESTIC ofrécelle ás firmas galegas interesadas a posibilidade de obter a ISO 20000, que demostra que a empresa TI ten a capacidade suficiente para satisfacer as necesidades e expectativas dos seus clientes en servizos tecnolóxicos; e a ISO 15504, que permite avaliar e mellorar a capacidade e madurez dos procesos de desenvolvemento e mantemento de software.
Con esta subvención obtida por AGESTIC para este proxecto colectivo, a Asociación axuda a que as empresas con dificultades superen as barreiras económicas que atopan para certificarse, e poidan obter o recoñecemento oficial dun traballo ben feito.
Os custes individuais que correrán a cargo das empresas son, segundo afirman, “asequibles, tendo que aboar tan só unha mínima cota de participación”.
As empresas galegas que se inscriban poden asistir á presentación do proxecto o vindeiro día 29 de novembro no CNTG, onde representantes de AENOR, STAR UP e AGESTIC, coa colaboración da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, exporán as vantaxes de participar e obter estas certificacións subvencionadas.
As empresas interesadas en participar nesta xornada, tan só deben enviar un email co nome, apelidos, empresa, cargo, dirección de correo e teléfono a informacion@agestic.org.

PUBLICIDADE