As tendas de Yoigo poderían vender o iPhone 3G libre a partir do luns

venres, 27 de febreiro do 2009 Marcus Fernández

As tendas Smol que venden terminais de telefonía móbil da operadora Yoigo (con 8 establecementos en Galicia repartidos entre A Coruña, Vigo e Ourense), queren saltar a exclusividade de Movistar co iPhone 3G e anuncian que a partir do vindeiro luns venderán tal terminal libre por 199 euros cunha tarifa de Internet para llevar, que inclúe acceso á Internet con ata 1 Gb de transferencia de datos por 25 euros/mes e chamadas e mensaxes a 8 céntimos/minuto cun compromiso de permanencia de 18 meses.
Se facemos contas vemos que esta promoción é moi semellante á que actualmente ten Movistar (que ofrece todo un abano de prezos e condicións) e no caso dunha portabilidade a oferta de Movistar parece máis económica, polo que entendemos que con esta promoción o que buscan é aproveitar o atractivo de que o terminal está libre.
Os móbiles de Apple que pretenden vender nas tendas Smol «foron adquiridos fóra de España e son libres» e aínda que dende Telefónica aseguran que Smol «non pode comercializar o iPhone 3G», polo momento parece que están a consultar o tema cos seus servizos xurídicos (aínda que parece ser que a lexislación de libre comercio dentro de Europa non lles dá a razón).
O que é toda unha incógnita agora é se as tendas Smol terá un número de terminais suficiente para atender á demanda que podería ter o iPhone, pois non lembremos que outras tendas que anunciaron a venda do terminal, finalmente comercializaron un número limitadísimo de terminais, polo que as iniciativas quedaron en meras tácticas publicitarias.

PUBLICIDADE