As posibilidades dos videoxogos para entendermos a cartografía centran o programa Mapas Divertidos da USC

venres, 26 de novembro do 2021 S. P.

Empregar videoxogos ou Realidade Virtual para familiarizar aos estudantes de ensino medio coa cartografía e a intelixencia espacial. Este é un dos grandes cometidos do programa Mapas Divertidos, impulsado polo Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago con financiamento do Consello Social da USC e co apoio técnico da consultora Tecnoloxías e Sistemas de Galicia-Tysgal. O programa é unha iniciativa itinerante que inclúe no seu programa accións de divulgación en 53 comarcas galegas ao longo deste curso.
A primeira fase do proxecto céntrase na formación do alumnado a través de actividades presenciais nos propios centros ao longo do presente curso académico. O CPR Plurilingüe SEI San Narciso, en Marín, e o IES Laxeiro, en Lalín, foron os primeiros en participar neste programa que continúa este 29 de novembro, no IES Plurilingüe de Ames.
A segunda fase do proxecto, prevista para comezar na primavera, consiste nunha serie de xornadas de portas abertas na Facultade de Xeografía e Historia que permitirán que o alumnado coñeza os diferentes espazos de traballo existentes na facultade e nas que tamén se realizarán obradoiros prácticos vencellados co mundo dos mapas.
O Consello Social e o Departamento de Xeografía da USC promoven con esta iniciativa “a posta en valor e difusión da ciencia xeográfica e da cartografía para o coñecemento social e análise territorial”. Salientan que “grazas aos mapas podemos planificar e ordenar o territorio, facilitar a mobilidade espacial, planear a loxística, e transmitir todo tipo de información estratéxica de interese económico, medioambiental ou sanitario”.
Entre os obradoiros postos en xogo inclúese unha visita virtual á Facultade de Xeografía e Historia en 360º, un taller de fotointerpretación (o proceso de examinar as imaxes aéreas co gallo de de identificar e interpretar os diferentes elementos da superficie terrestre) e actividades formativas con mapas togográficos interactivos.
O programa tamén pon o foco nas posibilidades de coñecemento que achegan os videoxogos e a Realidade Virtual, mostrando diferentes exemplos de como estes recursos nos axudan a entender e manexar os mapas, como por exemplo o popular Fornite, no cal se nos convida de xeito indirecto pero moi instrutivo a introducirnos nas metodoloxías e obxectivos da fotointerpretación. Mapas Divertidos, nas súas actividades no IES Laxeiro de Lalín, desenvolveu un obradoiro baseado na relación entre videoxogos e cartografía.
O programa conta cunha páxina web que porá á disposición da cidadanía recursos didácticos, datos actualizados das accións desenvolvidas e outros materiais resultado das actividades realizadas nos centros de ensino.

PUBLICIDADE