As portabilidades de servizos de telecomunicacións poderán confirmarse por teléfono

venres, 17 de abril do 2009 Marcus Fernández

A Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT) aprobou que os usuarios que desexen cambiar de operador de telefonía conservando o seu número poderán realizar os trámites correspondentes só co seu consentimento verbal, aínda que para dotar de garantías á operación será preciso que exista unha terceira parte encargada da verificación do consentimento.
Dende 2004 xa era posible contratar servizos de telecomunicacións verbalmente nos procesos de cambio de operador, pero era preciso que as solicitudes incluísen un escrito do abonado dirixido ao operador do que pretendía darse de baixa, requisito que vén de ser modificado para incorporar tanto os sistemas de solicitude verbal como a sinatura electrónica recoñecida.
As chamadas de verificación deberán iniciarse por un abonado ou un axente de vendas; a verificación deberá realizarse telefonicamente de xeito directo por un axente (ou sexa, unha persoa, e non un mecanismo automatizado); e a chamada deberá cinguirse a un cuestionario establecido para cada tipo de portabilidade. Rematado o proceso, o abonado debería recibir unha chamada telefónica do operador beneficiario informando da verificación positiva e da posibilidade de revogación do procedemento.
A creación deste novo mecanismo responde á necesidade de flexibilización das portabilidades, por ser estas un elemento chave na competencia do sector.

PUBLICIDADE